• 23/01/2013

O Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo impulsa o espazo Fitur Know-How&Export de apoio á exportación do coñecemento turístico español

-
  • 26 empresas españolas participan no I edición de FITUR Know-How&Export, o 65% delas de base tecnolóxica.
  • Grazas á colaboración coa Organización Mundial do Turismo, as empresas poderán coñecer as posibilidades de investir nas distintas áreas xeográficas do mundo.

22.01.13 . O Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través da Sociedade Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas, S.A (SEGITTUR), e en colaboración con FITUR e o ICEX España, Exportacións e Investimento, puxo en marcha o espazo Fitur Know-How&Export, unha iniciativa de apoio á exportación do coñecemento turístico español. 

España é referente mundial en materia turística, ocupa unha posición privilexiada como destino turístico internacional e desenvolveu un valioso know-how que, sen dúbida, pode ser exportado a outros destinos turísticos en desenvolvemento e a moitos destinos maduros.

Por este motivo, o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, decidiu crear Fitur Know-How&Export, un espazo no que empresas españolas vinculadas co turismo poden mostrar o seu potencial, coñecementos, servizos e produtos turísticos a compradores doutros mercados potenciais. 

Esta iniciativa dá resposta aos obxectivos recolleitos no Plan Nacional e Integral de Turismo (PNIT) 2012-2015 de apoio á transferencia e exportación de know-how turístico. Para iso, iniciouse un proceso de fomento da internacionalización das empresas turísticas españolas, acompañándoas na apertura de novos mercados e identificando proxectos.

O evento celebrarase dentro da Feira Internacional de Turismo (FITUR) que terá lugar entre o 30 de xaneiro e o 3 de febreiro e será inaugurado pola secretaria de Estado de Turismo, Isabel Borrego; o director xeral da OMT, Zoltan Somogyi; o presidente de SEGITTUR, Antonio López de Ávila; a conselleira delegada do ICEX, Coriseo Gonzalez-Izquierdo, e a directora de FITUR, Ana Larrañaga.

Esta primeira edición de Fitur Know-How&Export conta coa participación de 26 empresas españolas que abarcan temáticas como xestión hoteleira, consultoría estratéxica, desenvolvemento de aplicacións móbiles, plataformas de xestión cultural, sistemas de reservas en liña ou solucións na nube. O 65% delas contan con base tecnolóxica.

Fitur Know-How&Export conta con dous programas de actividades: “Fitur Know-How&Export: Opportunities & Financing” e “Fitur Know-How&Export: Solutions”.

Fitur Know-How&Export: Opportunities & financing

Elaborouse un completo programa apoiado pola Organización Mundial de Turismo, no que se contará coa presenza de quince países, que darán a coñecer as oportunidades de investimento turístico nas súas zonas, así como as posibles licitacións ligadas ao desenvolvemento turístico que prevexan realizar en 2013 e anos sucesivos.

O programa, que se desenvolverá do 30 de xaneiro ao 1 de febreiro, estrutúrase en charlas agrupadas por áreas xeográficas. Entre os países participantes atópanse: Colombia, Exipto, Acerbaixán, Macao, Armenia, Libia, Ecuador, Indonesia ou Mozambique.

Así mesmo, haberá dúas mesas dedicadas a como identificar fontes de financiamento para innovar e exportar no sector turístico. Para iso, contaremos con representantes do ICEX expertos en organismos multilaterais e membros destacados da Comisión Europea.

Fitur Know-How&Export: Solutions

Dentro de Fitur Know-How&Export, os asistentes terán a oportunidade de coñecer en sesións de 15 minutos as solucións tecnolóxicas máis innovadoras con potencial exportador e que abarcan desde servizos tecnolóxicos para o sector hoteleiro, xestión centralizada de destinos, solucións na nube,  territorios intelixentes ou aplicacións para o turismo.

Todo o evento terá lugar do 30 de xaneiro ao 3 de febreiro no Pavillón 10AO3 de IFEMA. Os dous programas de actividades están dispoñibles na web www.segittur.es .