- 20/11/2012
Programa Emprendetur Mozos Emprendedores e Programa Emprendetur I+D+i
- Ábrense dous novos tramos de financiamento do programa Emprendetur, un dirixido a menores de 40 anos e, o segundo, a empresas con proxectos de I+D ou con produtos innovadores.
- Trátase de préstamos con condicións máis favorables ás ofrecidas polo mercado e, no caso dos mozos emprendedores, non será necesaria a presentación de garantías.
20.11.12. O Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo abre a partir de hoxe dúas novas liñas de financiamento do programa Emprendetur, dotadas con 48 millóns de euros. Estes préstamos están dirixidos a mozos emprendedores en turismo e empresas con proxectos de I+D ou con produtos innovadores.
As dúas actuacións van encamiñadas a facilitar o acceso a fontes de financiamento que permita aos emprendedores innovadores en turismo pór en marcha os seus proxectos. Trátase de préstamos con condicións máis favorables ás ofrecidas polo mercado e, no caso dos mozos emprendedores, elimínase un dos principais obstáculos que se atopan como é a presentación de garantías.
Co programa Emprendetur dáse resposta ao previsto no Plan Nacional e Integral de Turismo (PNIT) 2012-2015, no que se apunta que os mozos emprendedores son o colectivo que actualmente ten un maior potencial para introducir a innovación na xestión da oferta turística, aínda que esta capacidade vese minguada mentres existan obstáculos para o acceso a fontes de financiamento necesarias para constituír a capital semente dos seus negocios e o lanzamento dos seus proxectos.
Así mesmo, o PNIT destaca que a enorme riqueza de recursos turísticos aínda por explotar no noso país constitúe unha oportunidade de negocio inmellorable para emprendedores innovadores con iniciativa e bo coñecemento das ferramentas de xestión necesarias. De aí esta actuación que encaixa nunha serie de medidas que aspira a estimular a capacidade innovadora no seo da industria turística española.
Programa Emprendetur Mozos Emprendedores
A dotación para este tramo ascende a 20 millóns de euros. O programa está dirixido a ideas de negocio levadas a cabo por emprendedores menores de 40 anos ou empresas que teñan menos de 2 anos de vida e cuxa idade media dos socios sexa igual ou inferior a 40 anos, relacionadas con innovación e turismo, e encadradas dentro das liñas do PNIT.
Estas axudas pretenden facilitar o desenvolvemento de modelos de negocio innovadores que melloren a competitividade e rendibilidade do sector turístico español; fomentar a incorporación ao tecido turístico empresarial de mozos emprendedores innovadores; e apoiar a posta en marcha dos proxectos innovadores desenvolvidos por mozos emprendedores.
Entre as características cabe subliñar que o préstamo será a un interese fixo do 5,05%, cunha porcentaxe de ata un 100% financiable cun importe máximo de 1.000.000 euros, 2 anos de carencia, 5 anos de amortización e non se piden garantías.
Programa Emprendetur I+D+i
Este programa, dotado con 28 millóns de euros, comprende dous subprogramas: o primeiro enfocado a proxectos de I+D relacionados con innovación tecnolóxica e turismo, e o segundo, dirixido a proxectos vinculados co desenvolvemento de produtos innovadores en tecnoloxía e turismo.
O obxectivo destes dous subprogramas é apoiar a investigación e desenvolvemento aplicado a produtos do sector turístico; fortalecer os procesos de I+D+i no sector turístico; impulsar o desenvolvemento de produtos turísticos innovadores que melloren a competitividade e rendibilidade do sector turístico español; e facilitar ás empresas o acceso a desenvolvementos innovadores para a mellora dos seus produtos turísticos co fin da internacionalización dos mesmos.
Entre as características destaca o préstamo ao 5,05%, cun máximo financiable do 75% e cun importe máximo de 1.000.000 euros, 5 anos de amortización, e garantías por un importe do 36% do préstamo concedido.
Estes dous novos tramos de financiamento únense ao xa comercializado Emprendetur Empresas, dotado con 266 millóns de euros, cuxo obxectivo é o aumento do investimento en infraestruturas turísticas, eficiencia enerxética e a incorporación de tecnoloxías e accesibilidade de colectivos con necesidades especiais así como a xeración de emprego, tanto directo como inducido.
Para máis información, consulte o seguinte enlace www.innpulsaturismo.es